Tradicións caníbales

O lume ten unha estraña ligazón coa purificación. Proxectado na fogueira ou cacharela do San Xoán, vén queimar todos os males, espantar meigallos e apartar bruxas. As persoas mesmo saltan por riba das fogueiras agardando melloras nas súas vidas. O lume purifica as cousas do espírito, mais o seu efecto é irreversíbel no caso do patrimonio. O San Xoán convértese nun azoute sen retorno para embarcacións, nasas, raposas, bacías, poutadas, por falar só do patrimonio do mar. Na noite do 23 ao 24 de xuño, o lume percorre a costa cunha gadaña na man.

Os galegos aínda non sabemos distinguir os palés das bucetas, os garabullos das nasas ou a leña seca dos documentos. Ninguén queimaría a súa nómina mensual mais somos quen de prender parte do noso pasado e pensar que facemos o ben espantando ao mal… Algún día, máis tarde que cedo, teranse que organizar brigadas de salvamento de patrimonio móbel (inflamábel) que purifiquen o noso futuro.

San Xoán, tradición en terra de caníbales. 5.07.08 | (sen categoría) | Comentarios


Miradouro

No litoral lugués, entre O Vicedo e Viveiro, a partir dunha intervención foi creado un espazo que sobrecolle polo cenario oceánico que amosa, e que impresiona polo carácter simple da actuación realizada sobre o espazo.
A sinxeleza predomina nas solucións aplicadas, tanto no pequeno aparcadoiro como nos elementos centrais do miradouro. E optouse para este cometido por materiais que se mimetizan no propio espazo. O diálogo con o entorno faise con humildade. Non hai vanagloria na intervención. Hai respeto, non sometemento do entorno. Non sempre quen intervén sabe ou quere estabelecer un diálogo con o territorio de tu a tu. Por veces, as intervencións están sobrecargadas de elementos e complexos. Non moi lonxe, no areal de Xilloi, unha outra intervención inzou de cactos o complexo dunar asociado, nun desexo perverso de mediterraneizar o cotiá de nós.

15.06.08 | (sen categoría) | Comentarios


imaxinado vs. imaxinativo

A cultural material que procuramos e atopamos en moitas prateleiras dos museos denominados etnográficos presentan formas “rústicas” e materiais “tradicionais”. As primeiras perfilan o paso do tempo con contornos gastados, de aspecto vello e, a pode ser, lixeiramente luído. O paso do tempo en simbiose coa forma. Os segundos, os materiais, remítennos á natureza: madeira, pedra, vexetais e algo de ferro, a ser posíbel enferruxado. A ecuación funciona de tal xeito que canto máis rústico e máis natural, máis etnográficos os elementos e maiores as posibilidade de figuraren na prateleira museística.

Pero a realidade etnográfica é moito máis dinámica que o imaxinario patrimonial das institucións. A variedade de formas, a incorporación de materiais, as combinacións de experimentos e cavilacións nunha sociedade dinámica ofrecen unha realidade viva e máis do que imaxinada, imaxinativa.

A visita a unha antiga fábrica de salga no Cabo da Vila en Fisterra ofreceunos un exemplo de cultura material viva. Esta tina de mercería-bazar reconvertida en bacía do palangre é mostra desta tensión entre o imaxinado e o real: perenne dialéctica da cultura material allea ás petrificacións patrimoniais.

16.05.08 | (sen categoría) | Comentarios



Acerca de

A campaña de dixitalización de álbumes familiares.