Fisterra

O proxecto “A Memoria do Mar” vai atracar do 5 ao 8 de maio na vila de Fisterra. Aquelas persoas interesadas en participar poden pasar pola confraria da vila en horario de 10:30 a 14:00 e 16:00 a 19:30. Lembramos que dixitalizamos fotografías, diapositivas ou negativos con contido relacionado co mar en sentido amplo: imaxes de embarcacións, artes de pesca, bañistas, do litoral, redeiras, procesións, tascas mariñeiras ou xuntanzas de pescadores son uns poucos exemplos do material que dixitalizamos.
O Museo do Mar non fica cos orixinais que son devoltos aos seus propietarios unha vez dixitalizados. É máis, as persoas que colaboran no proxecto, alén de contribuíren á conservación, catalogación e difusión do patrimonio fotográfico, levan un CD coas súas fotografías dixitalizadas.
Manuel Brea Olveira
Visitamos na parroquia muradana de Tal, a Manuel Brea Olveira, carpinteiro de ribeira. Do interior do seu taller, tirou o taboleiro da fotografía. Unha táboa como un manual de instrucións. Coa paciencia de carpinteiro, tratou de nos explicar como nesa peza de madeira estaba toda a información precisa para construír unha embarcación. Deunos unha lección de proporcións e trigonometría digna dun catedrático, e fíxoo con didactismo, algo que non sempre caracteriza os catedráticos. O taller ou o traballo de Brea Olveira ben podería ser un recurso patrimonial a protexer. No Norde hai tempo que souberon que os oficios tradicionais teñen un valor como recurso que vai máis alá do traballo manual, sobre eles pódense artellar estruturas didácticas vivas, lonxe dos espazos expositivos de “corte clásico”.
3.05.08 | (sen categoría) | Comentarios [1]A creba
A maré cuspe as crebas sobre os areais. Nelas vén de todo. As latas e embrullos rotulados en inglés, árabe, hindu ou hébreo testemuñan o carácter internacional do tráfico marítimo que ten a costa galega como paso obrigado. Procurar na creba non deixa de ser un xeito de procurar na memoria. Así aconteceu no areal de Carnota, onde atopamos esta bolsa de cando o leite non sabía do tetra-brick. Con o solpor nas costas, nun flashback emocional saboreamos os almorzos de leite con Cola-Cao e as bolachas “María”.
2.05.08 | (sen categoría) | Comentarios [1]Acerca de
A campaña de dixitalización de álbumes familiares.