A memoria creada

Ás 18:15 da tarde do 19 de febreiro entran na Sala de Xuntas do local da Lonxa de Bueu tres mulleres. Unha delas leva no colo a un cativo duns cinco anos. Preguntan pola exposición de fotografías. Explicamos que esta virá unha vez recollidas as fotografías nos 25 portos incluídos no proxecto. Con atención, ofrecemos o folleto e as tres postais que divulgan A Memoria do Mar. A máis decidida comenta que un dos postais é de Bueu: a das mulleres con patelas. Menciona que a da esquerda é Maruja e a da dereita a muller de Pin. Non sabe quen é a do medio. Por se existía dúbida, cita ao Peixe como fonte de información autorizada.
Particular fenómeno o de procurar relacións ás persoas das fotos antigas. Por seren antigas, todas as persoas teñen un parecido. A vestimenta, as patelas que levan as mulleres ou o escenario no que pousan non é moi diferente do que podería haber en Bueu na altura na que foi tirada a fotografía. A identidade diluída no tempo súmase á necesidade de contestar o de “e ti, de quen ves sendo?”.
Se a tradición ten parte de creación, as memorias son, tamén, recreadas.
21.02.08 | (sen categoría) |Comentarios
comentarios desactivados para este artigo
Acerca de
A campaña de dixitalización de álbumes familiares.