Navegar é preciso
O Monte Louro saudou a nosa singradura como privilexiada atalaia na boca da ría de Muros e Noia. O proxecto “A Memoria do Mar” vai atracar do 21 ao 25 de abril na vila de Muros. Aquelas persoas interesadas en participar poden pasar pola lonxa da vila en horario de 10:30 a 14:00 e 16:00 a 19:30. Lembramos que dixitalizamos fotografías, diapositivas ou negativos con contido relacionado co mar en sentido amplo: imaxes de embarcacións, artes de pesca, bañistas, do litoral, redeiras, procesións, tascas mariñeiras ou xuntanzas de pescadores son uns poucos exemplos do material que dixitalizamos.
O Museo do Mar non fica cos orixinais que son devoltos aos seus propietarios unha vez dixitalizados. É máis, as persoas que colaboran no proxecto, alén de contribuíren á conservación, catalogación e difusión do patrimonio fotográfico, levan un CD coas súas fotografías dixitalizadas.
Comentarios
comentarios desactivados para este artigo
Acerca de
A campaña de dixitalización de álbumes familiares.